Monthly Archives: Outubro 2016

Visita a Sogama e Malasa.

Estándar

O alumnado de 2º e 3º de ESO, acompañado polas profesoras de Tecnoloxía e de Física e Química, Celia e Laia, participou o martes 25 de outubro na visita a Sogama, aos lagos de lignito de Meirama e á empresa Malasa de maneira activa. Percorreu as instalacións que Sogama ten en Cerceda e asistiu a unha charla na que se lles explicou cal é a función do Complexo Medioambiental de Cerceda, no que se selecionan os envases do colector amarelo para vendérllelos a empresas recicladoras, e onde se tratan os residuos do colector verde, no que depositamos materia orgánica e restos, co fin de ser incinerados e producir enerxía eléctrica.

Máis tarde, no lago de Meirama, explicáronnos cales foron os pasos a seguir para a rexeneración do contorno, facendo fincapé na biodiversidade existente actualmente na zona e os controis que se deben facer diariamente para asegurar a calidade da auga do lago, así como a conservación das especies.

Como sorpresa do día atopámonos cun cetreiro que portaba un moucho real e que nos explicou a importancia destas aves na natureza e o uso que se fai delas para controlar as pragas de gaivotas que proveñen en gran parte do vertedoiro da Areosa, tamén situado en Cerceda.

Por último visitamos a empresa MALASA, tanto a nave dedicada ao traballo con madeira como a nave na que se traballa con metal. Os encargados de mostrarnos o traballo que se desenvolve nesta empresa espertaron no alumnado gran interese pola actividade que realizan, ademais de transmitirlles a necesidade de formarse en idiomas co fin enriquecer o seu curriculum vitae, sobre todo, se se aspira a traballar nunha empresa como esta, que exporta mobiliario para tendas de todo o mundo.

Despois da visita varios alumnos e alumnas traían en mente poder formarse para, nun futuro, ser empregados de dita empresa.

Tamén aquí tivemos unha sorpresa, o alumnado de 3º ESO puido ser partícipe da fabricación dunha peza de madeira na que gravaron o nome do CPI AS REVOLTAS e que loce xa no vestíbulo de entrada do noso centro.

La Voz de Galicia tamén dedicou un espazo nas súas páxinas da visita nesta noticia.

Advertisements

Caixas arrepiantes por todos os currunchos!!!

Estándar

Estas son as exposicións das caixas elaboradas polo alumnado dos cursos de Educación Infantil e Primaria que ambientaron esta semana os corredores do noso centro. Esta finde longa fican alí ás escuras soas no centro. Igual cobran vida ou temos visitas inesperadas de seres misteriosos que desexarán vivir agochados en todos os currunchos e permanecer connosco o resto do curso. Boa finde loooooooooonga e arrrrrrrrrrrrrrrrrrrrepiante de Samaín!!!

This slideshow requires JavaScript.

Bibliotecas escolares de Galicia aposta pola Biblio das Revoltas.

Estándar

biblios-escolares2Hoxe mesmo acabamos de coñecer a resolución da convocatoria da Asesoría de Bibliotecas para o Plan de Mellora de Bibliotecas no que estamos incluídos desde o ano pasado, como podedes ver na seguinte ligazón ao Diario Oficial de Galicia.

Grazas a estas partidas orzamentarias que pon ao dispor da nosa biblioteca a Asesoría puidemos renovar o curso pasado moito mobiliario da biblioteca, os equipamentos informáticos e levar a cabo a sonorización da biblioteca. Alén disto, puidemos continuar renovando o fondo documental para incluír novos materiais bibliográficos, audiovisuais e musicais que ofertar no noso catálogo ao dispor de todo o alumnado e das familias. Permitiunos contar con docencia e obradoiros de formación para o profesorado para ir tirando ideas e unha mellor formación para poñer en práctica múltiplas actividades e tarefas que redunden no rendemento académico do noso alumnado e que a biblioteca sexa un faro que os guíe nesa procura de novos coñecementos e información, así como tamén unha fonte de pracer.

Moitas das actividades levadas a cabo o curso pasado, como as Xornadas Culturais, todas as actividades de dinamización da nosa Biblioteca que foron desde obradoiros literarios, recitais pbiblios-escolaresoéticos, concertos, elaboración de exposicións e xornais, saídas extraescolares, o lipdub contra a violencia de xénero do que estamos tan orgullos@s, gravación de cancións e moito máis foi en parte posíbel grazas a estas partidas orzamentarias cos que a Consellería de Educación, a través da Asesoría de Bibliotecas recompensa o noso centro polo inmenso traballo que todo o profesorado do equipo de biblioteca lle dedica ás tarefas vinculadas coa dinamización da biblioteca, co apoio fundamental do equipo directivo e do resto do claustro e do persoal non docente, pasando por todas as áreas desde conserxaría até administración, persoal de limpeza e cociña.

Este traballo ilusionante non sería tampouco posible sen a implicación do noso alumnado do voluntariado de biblioteca que entusiastamente colabora en todas as tarefas e nos axuda a mellorar, desenvolver e difundir as actividades ao resto do alumnado.

E non sería posible tampouco sen vós, todas as familias do noso centro que confiades en nós a tarefa de colaborar convosco na formación dos vosos fillos e que amablemente contribuídes a que moitas das actividades propostas pola Biblioteca das Revoltas sexan un éxito.

Toca hoxe sentirnos orgullos@s de formarmos parte deste familia das Revoltas que entre tod@s construímos día da día.

Longa vida á Pepiña e á nosa biblioteca!!

Horror no vestíbulo da entrada!!!

Estándar

Espíritos e seres fantasmagóricos non deixan de aparecer polas Revoltas: arañas noxentas que despeitean a nosa Mafalda, caveiras endiañadas a gabear pola Torre de Hércules, morcegos axexantes desde o teito, un esquelete sentado no váter alumeando aterradoramente os ollos e cunha risa maléfica que nos fai berrar asustados e unha bruxa malvada que nos espreita desde as alturas.

This slideshow requires JavaScript.