Daily Archives: Outubro 16, 2016

Celebrando que Bob Dylan é o novo premio Nobel de literatura

Estándar

bob-dylan_fotoPor primeira vez na historia do Nobel de Literatura, a xente non correrá ás librarías senón ás tendas de discos. Cando a secretaria da Academia Sueca Sara Danius pronunciou o nome, rebentaron as apostas, das que este músico caera xa había tempo. Bob Dylan (1941, Duluth, Minnesota) é o recente premio Nobel de Literatura. Era o eterno aspirante, así como un recorrente chiste entre os máis escépticos: un músico, cuxa única obra en prosa foi un fracaso, cultivando o maior dos premios literarios? Parecía imposíbel, mais este compositor que cambiou o concepto de canción popular no século XX, engadindo unha particular dimensión poética á música cantada. E tan importante é a súa influencia nos musicos posteriores, influencia recoñecida polos Beatles, os Rolling Stones, Bruce Springsteen e calquera icona do rock e o pop que veña á cabeza, e esta non fixo máis que medrar a medida que pasou o tempo. Agora, con este premio, e tras recibir antes o Pulitzer ou o Premio Príncipe de Asturias das Artes, a onda expansiva dá para outro século.

Dylan de rapaz abandonou o seu pobo de Minnesota para trasladarse a Nova York co fin de dedicarse á música e coñecer en persoa ao seu ídolo musical Woody Guthrie. Provisto dunha gorra e unha guitarra acústica, incluso inventándose parte da súa biografía, recalou en Greenwich Village, o bohemio barrio de Manhattan poboado de cafés e clubs onde coñeceu xa a palabra afiada dos combatentes cantautores Pete Seeger, Ramblin’ Jack Elliott ou Dave Van Ronk. Compuña a partir do contacto con eles pero tamén da poesía dos surrealistas franceses, especialmente de Arthur Rimbaud, e devorando a prensa diaria, que lle daba combustible para esas primeiras cancións que cambiaron a cara do folk norteamericano e déronlle un carácter contestatario sen renunciar ao aspecto poético.

Composicións como Blowing in the wind, Masters of War, The Times They Are a Changing, A Hard Rain’s a-Gonna Fall, Mr Tambourine Man ou Chimes of Freedom chegaron ao corazón da xeración do sesenta, onde se fraguou a contracultura. “Vide senadores, congresistas, por favor ouvide a chamada, / e non quededes no limiar, non bloqueedes a entrada, / porque resultará ferido o que se opoña, / fóra hai unha batalla furibunda, / pronto golpeará as vosas xanelas e renxerán os vosos muros, / porque os tempos están a cambiar?, cantaba en 1964 coa súa voz nasal en The Times They Are a Changing, anticipándose ao balbordo social e político de Norteamérica.

Foron nese primeiros sesenta, no seu tránsito diario de trobador por Greenwich Village, cando coñeceu aos poetas beat. Aquilo determinou aínda máis a súa visión literaria, á que impregnou dunha forza contracultural máis incisiva, repleta de instinto e mordente. Relacionábase con Jack Kerouac, Neal Cassady, William Burroughs, Herbert Huncke, John Clellon Holmes ou Allen Ginsberg, pero aínda máis importante: había vasos comunicantes. Dylan fixábase neles, pero eles vían nel ao portavoz xeracional, sorprendéndose da súa capacidade de captar a axitación, a desorientación, os desamparos e os ideais daqueles convulsos sesenta. Cos seus máis de seis minutos de canción, rompendo en 1965 o molde de single e rebentando o concepto de radio comercial, Like a Rolling Stone conquistou o territorio da ruptura xeracional do sesenta, máis que calquera novela, obra de teatro ou película. Como dixo o poeta estadounidense David Henderson, non se trataba dunha canción, senón dunha epopea.

Acababa de empezar a epopea de Dylan, que abandonou o folk polo pop, marabillado polo ímpeto desenfadado e xuvenil dos Beatles, os Rolling Stones e toda a tropa británica que desembarcou cun éxito monumental en EE UU. Co seu son circense, de folk-blues-rock acelerado, sen esquecer esas baladas ao piano, os álbums Highway 61 Revisited e Blonde on Blonde elevaron á música popular todo o máis alto do universo cultural. Alí onde antes había un rapaz folkie lanzando dardos xurdía un merodeador que documentaba as emocións da estraña realidade.

Os seus discos publicadas entre 1965 e 1966 serviron de guía fundamental para os Beatles, os Beach Boys e toda esa irrepetible xeración do pop e o rock que protagonizou o século XX coas súas cancións. E, con todo, foi neses anos cando publicou a súa única novela Tarántula, un erro de literatura experimental moi por baixo de toda a súa obra musical. Está claro que o comité do Nobel non tivo en conta o aspecto narrativo de Dylan a partir do seu único libro, no que tentou emular en prosa poética a Kerouac, Burroughs ou Ginsberg.

O propio Allen Ginsberg foi o que máis defendeu a súa obra como un legado literario influente, que a día de hoxe estúdase nalgunhas universidades e ten varios ensaios de análises. De feito, as primeiras noticias acerca da candidatura de Dylan ao Nobel empezaron a chegar en 1996 cando se organizou en Estocolmo un comité de campaña, apoiado por Ginsberg e Gordon Ball, profesor da Universidade de Virginia. Ginsberg afirmaba: “Dylan é un dos máis grandes bardos e xograres norteamericanos do século XX e as súas palabras influíron en varias xeracións de homes e mulleres de todo o mundo?. E Ball, polo seu lado, escribiu: “Dylan devolveu a poesía da nosa época á súa transmisión primordial a través do corpo, reviviu a tradición dos trobadores”.

Nas últimas dúas décadas, Dylan, como sempre pero máis que nunca, fuxiu do seu propio mito, como ben demostrou nas súas memorias Crónicas, un fabuloso libro cheo de trampas que non ten nada de autobiografía ao uso e si moito de literatura, nese repaso desordenado e fascinante a algúns recordos da súa vida. Neste tempo, non quere saber nada da súa influencia impoñente na música popular contemporánea ou nas letras norteamericanas. Non quere deterse nin un segundo en preguntarse se é tan valioso para a cultura e a arte como Picasso ou John Ford, tal e como non se cansan de dicirlle. Nestas dúas últimas décadas, tamén moitos detractores situárono no ocaso da súa carreira, lonxe deses anos dourados de bardo divino. Pero, en todo este tempo, realmente, o veterano compositor deu froitos conmovedores en discos como Estafe Out of Mind, Modern Times, Love and Theft ou Tempest.

Esquivo e imprevisible, Dylan fai historia ao ser o primeiro músico que consegue o premio Nobel de Literatura. Xa en 1965, cando a prensa norteamericana o cualificaba do gran poeta do seu tempo, o músico dicía: “Non me chamo poeta porque non me gusta a palabra. Son un artista do trapecio”. Durante máis de medio século, o seu paso polo trapecio foi un irrepetible exemplo para outros moitos máis artistas e persoas de todo o mundo que recoñecen unha débeda coas súas letras, coa súa visión do mundo. Bruce Springsteen dixo unha vez: “Se Elvis Presley liberaba o teu corpo, Bob Dylan liberaba a túa mente”. Esa capacidade, ao alcance dos mellores creadores, é esencia mesma da mellor literatura, da máis transcendente e admirable obra artística.

A academia sueca destaca para a concesión do Nobel “a creación dunha nova expresión poética dentro da grande tradición americana da canción”. Bob Dylan é desde este ano  Nobel de Literatura que tamén gozaremos cos ouvidos. E por iso o Departamento de Lingua Galega das Revoltas, en colaboración co EDLG, está preparando co alumnado de 4 ESO unha tradución á nosa lingua das poéticas letras das cancións de Dylan. Manterémosvos informados. De momento cartaces coma este que vos deixamos aquí adornan as paredes do noso centro para homenaxear a este gran músico e poeta.

Advertisements