Daily Archives: Outubro 29, 2016

Visita a Sogama e Malasa.

Estándar

O alumnado de 2º e 3º de ESO, acompañado polas profesoras de Tecnoloxía e de Física e Química, Celia e Laia, participou o martes 25 de outubro na visita a Sogama, aos lagos de lignito de Meirama e á empresa Malasa de maneira activa. Percorreu as instalacións que Sogama ten en Cerceda e asistiu a unha charla na que se lles explicou cal é a función do Complexo Medioambiental de Cerceda, no que se selecionan os envases do colector amarelo para vendérllelos a empresas recicladoras, e onde se tratan os residuos do colector verde, no que depositamos materia orgánica e restos, co fin de ser incinerados e producir enerxía eléctrica.

Máis tarde, no lago de Meirama, explicáronnos cales foron os pasos a seguir para a rexeneración do contorno, facendo fincapé na biodiversidade existente actualmente na zona e os controis que se deben facer diariamente para asegurar a calidade da auga do lago, así como a conservación das especies.

Como sorpresa do día atopámonos cun cetreiro que portaba un moucho real e que nos explicou a importancia destas aves na natureza e o uso que se fai delas para controlar as pragas de gaivotas que proveñen en gran parte do vertedoiro da Areosa, tamén situado en Cerceda.

Por último visitamos a empresa MALASA, tanto a nave dedicada ao traballo con madeira como a nave na que se traballa con metal. Os encargados de mostrarnos o traballo que se desenvolve nesta empresa espertaron no alumnado gran interese pola actividade que realizan, ademais de transmitirlles a necesidade de formarse en idiomas co fin enriquecer o seu curriculum vitae, sobre todo, se se aspira a traballar nunha empresa como esta, que exporta mobiliario para tendas de todo o mundo.

Despois da visita varios alumnos e alumnas traían en mente poder formarse para, nun futuro, ser empregados de dita empresa.

Tamén aquí tivemos unha sorpresa, o alumnado de 3º ESO puido ser partícipe da fabricación dunha peza de madeira na que gravaron o nome do CPI AS REVOLTAS e que loce xa no vestíbulo de entrada do noso centro.

La Voz de Galicia tamén dedicou un espazo nas súas páxinas da visita nesta noticia.

Advertisements