Daily Archives: Decembro 9, 2016

Decoración e postais de Nadal nos corredores das Revoltas!!

Estándar

O Nadal está aí ben pertiño e o noso alumnado decorou portas, aulas e corredores para encher As Revoltas das cores destas datas. Tedes aquí unha mostra das postais que coidadosamente elaboraron para felicitar estes días sinalados cos mellores desexos para a xente que queren. Axiña saberemos cales foron as postais gañadoras do concurso convocado pola Biblioteca e o EDLG.

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Visita de 2º ESO ao Ágora, á exposición do cómic galego dos 70 na Escola Normal e á Casa das Ciencias na Coruña.

Estándar

O venres 9 de decembro o alumnado de 2º da ESO do CPI As Revoltas, acompañados polas profesoras de Física e Química e de Lingua Galega, visitaron na cidade da Coruña a Biblioteca Municipal do Ágora onde lles amosaron as instalacións e lles deron explicacións sobre as utilidades e os fondos das diferentes seccións da biblioteca. Esta visita foi organizada para complementar a formación que obteñen na materia de Alfabetización Informacional (ALFIN) que cursan en 2º da ESO por primeira vez neste centro.

This slideshow requires JavaScript.

Posteriormente acudiron á Escola Normal. Espazo de Intervención Cultural que desde o 17 de novembro e até finais de ano alberga unha exposición sobre banda deseñada galega “A mostra BDG70: a revolta do cómic galego”. Na visita guiada puideron saber máis desta exposición que pon de relevo a gran cantidade de artistas que, aínda en período ditatorial, canalizaron o seu pensamento antiautoritario e artístico a través dun medio aínda marxinal, o cómic, e dunha lingua pretendidamente marxinalizada, o galego. A riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos empregados non deixan indiferente ao visitante, que pode mergullarse na historia política e social dos anos setenta por medio da novena arte. Podedes obter máis información sobre esta exposición nesta ligazón.

This slideshow requires JavaScript.

Nas últimas horas da mañá acudiron á Casa das Ciencias e no seu planetario asistiron á sesión Viaxa polo espazo e o tempo, aprende a mirar o ceo cos teus propios ollos, descobre os misterios de Venus…onde puideron aprender algo máis sobre o universo celeste que nos rodea. Tamén tiveron a oportunidade de xogar nos diferentes experimentos aprendendo de maneira activa sobre a ciencia. Se decidides completar pola vosa conta a visita, na páxina das Casa das Ciencias tedes información sobre horarios, tarifas e exposicións.

This slideshow requires JavaScript.

Visita ao Museo de Belas Artes e á Fundación Barrié da Coruña para coñecer a obra de Sorolla.

Estándar

O venres 9 de decembro do 2016, o alumnado de 3º da ESO do CPI As Revoltas, acompañado polo profesor de Plástica e a orientadora do centro, fixo unha excursión á cidade da Coruña, organizada polo Departamento de Educación Plástica, Visual e Audiovisual, para visitar o Museo de Belas Artes, no que viron de xeito guiado, unha exposición do pintor español Joaquín Sorolla, titulada “Sorolla Íntimo. Bosquexos sobre a Serie Visión de España”, onde se mostraron 32 bosquexos que o pintor fixo para a preparación da serie Visión de España, constituída por 14 paneis monumentais sobre as rexións de España que o artista pintou para a biblioteca da Hispanic Society of America. Despois acudiron tamén a unha visita guiada polas salas de exposicións dos séculos XIX e XX, onde puideron ver varios cadros de diversos pintores galegos.

Posteriormente visitaron tamén o Museo da Fundación Barrié, que alberga unha exposición temporal titulada “Sorolla Tierra Adentro”, na que se mostraban varios cadros que o pintor fixo por distintas rexións de España, no seu intento de plasmar as distintas paisaxes e sobre todo como cambiaba a luz en cada un deles nas distintas partes de España; e posteriormente no mesmo museo asistiron a un obradoiro, no que, co apoio dunhas tablets , en grupos de catro alumnos, realizaron composicións con fotos escollidas de internet, sobre paisaxes que para eles eran máis próximas e significativas, proxectándoas e expoñéndoas aos demais compañeiros.

This slideshow requires JavaScript.