Daily Archives: Xaneiro 19, 2017

A Historia da Informática elaborada polo alumnado de 4º da ESO

Estándar

Desde TIC e con 4º ESO traballamos o tema das etapas históricas da Informática e os ordenadores.

Realizamos unha liña do tempo onde marcamos as cinco xeracións de equipos informáticos e tamén os precursores como o ábaco ou a Pascalina.

Cada un dos alumnos e alumnas encargouse dunha xeración, para despois poñer en común co gran grupo.

Nas xornadas culturais programadas para a primeira semana de abril, pasaremos unha ficha con preguntas ao resto do alumnado do CPI, adaptadas a cada nivel, para que todos e todas acaden uns coñecementos mínimos sobre a historia da informática.

A exposición dos contidos fíxose no corredor onde se atopa a aula de informática, e iremos completando ao longo do curso con outras actividades das que informaremos no momento da súa realización.

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Etapas Históricas: nas aulas de Tecnoloxía investigamos sobre a historia dos medios de transporte

Estándar

Na materia de Tecnoloxía de 4º ESO traballamos o tema das etapas históricas investigando sobre a  historia dos medios de transporte e o alumnado mostrouse moi activo na realización da actividade.

Realizamos unha liña do tempo onde fomos colocando os distintos avances do transporte, tanto terrestre como aéreo e marítimo para mostrar a toda a comunidade educativa do CPI As Revoltas.

Para expoñelo no centro realizamos a exposición no corredor do taller e tamén se realizará unha xincana co fin de dalo a coñecer entre o resto de alumnado.

This slideshow requires JavaScript.

Visita ao parque eólico Sotavento e ao parque de Bens

Estándar

O alumnado de 2º, 3º e alumnado de 4º da ESO que cursa Tecnoloxía desprazouse o martes, 17 de xaneiro ata Xermade nunha visita organizada polo Departamento de Tecnoloxía para visitar o parque eólico experimental de Sotavento acompañados polas profesoras Celia e Laia.

A visita foi guiada por tres monitores que explicaron como funcionaban os aeroxeneradores e ata nos deixaron acceder ó interior dun deles, mostrando todas as medidas de seguridade que o persoal ten que seguir para poder manter os equipos en perfectas condicións.

Tamén nos mostraron o interior dunha casa bioclimática onde fixeron fincapé na necesidade de reducir o consumo enerxético e as vantaxes que pode ter a utilización da domótica.

En resumo, a visita foi perfecta para introducir o estudo das distintas enerxías alternativas e a concienciación do alumnado da necesidade de coidar o planeta.

Xa de camiño á casa, fixemos unha parada no parque de Bens (A Coruña). Mentres aproveitamos para correr por unha zona verde no medio da cidade, aprendemos tamén como se poden selar os vertedoiros de lixo para facer deles zonas de lecer, e ó mesmo tempo se pode aproveitar o metano producido polo lixo orgánico para a obtención de enerxía eléctrica.

A saída foi moi positiva tanto para a adquisición de contidos da materia de Tecnoloxía como para a realización dunha xornada de convivencia entre o alumnado, compartindo sensacións fóra do centro.

This slideshow requires JavaScript.

GROLOS DE PAZ: Mundo de cores, crianzas que medran entre dous mundos

Estándar

MUNDO DE CORES.jpgMundo de Cores é un conto editado pola ONG Viraventos para promover a educación intercultural entre os máis pequenos por medio da historia de Diara, unha meniña “senegalega”, que nos presenta o seu mundo de cores, a súa familia, os seus costumes e tradicións, un mundo onde a nota predominante é a diversidade con toda a súa riqueza…

As responsables da entidade afirman ter ideado Mundo de Cores “porque queremos unha infancia enriquecida pola diversidade, capaz de facer un País máis feliz, onde todas as persoas conten”. O conto presentouse en maio de 2015 e véndese en librarías de toda Galicia ao prezo de 9€. O recadado servirá para impulsar novas iniciativas de sensibilización social sobre a inmigración, o respecto e o diálogo entre culturas.

Épocas históricas: Estudando a Historia da Terra nas aulas de Bioloxía e Xeoloxía

Estándar

Para traballaren o PDI das Etapas Históricas na materia de Bioloxía e Xeoloxía, a xefa do departamento e profesora desta materia no segundo ciclo da ESO, Cecilia Folla Colmeiro, propúxolle ao alumnado de Ciencias o seguinte proxecto.

Durante seis sesións o alumnado de 4º ESO B converteuse en asesores científicos do Museo Nacional de Historia Natural. O director do museo convocounos a unha reunión. Recibiron unha subvención para ampliar o museo e incluír unha sala na que se instalaría unha exposición permanente sobre a Historia da Terra. O primeiro problema é que o Museo non dispuña de nada parecido e os encargados de realizar o traballo serían os alumnos deste grupo. Unha dificultade adicional é que o prazo de presentación do proxecto é de cinco días. Nese tempo debían presentar ao director unha proposta sobre os “escenarios” que se representarán: Precámbrico, Paleozoico Inferior, Paleozoico Superior, Mesozoico e Cenozoico cos seus respectivos períodos. O éxito da exposición estaba nas súas mans… e continuar no seu novo traballo tamén.

Durante as 3 primeiras sesión, organizados en cinco grupos, cada grupo responsable dunha era xeolóxica pescudaron información acerca da súa cronoloxía, os períodos que comprendía, os principais acontecementos biolóxicos e xeolóxicos, a posición dos continentes e os fósiles característicos e plasmaron a información en murais.

Unha vez realizados estes murais, realizaron dous grandes grupos. Cada grupo tiña unha misión:

  • representar a historia da Terra nun calendario imaxinario, indicando o mes e día, os acontecementos máis importante.

  • indicar por medio dun reloxo (24 horas) algún dos acontecementos que tiveron lugar ao longo da historia do noso planeta.

Na última sesión, os alumnos puxeron a proba os seus coñecementos en pequenos grupos nunha “Space Race” na aplicación Socrative (actividade na rede que ten como filosofía a aprendizaxe a través do xogo), respondendo a diferentes preguntas.

Os alumnos debían acceder á aplicación dende os ordenadores e só tiñan que insertar un código PIN que lles deu o propio test que visualizaban. Conectáronse á rede e contestaron as diferentes preguntas. No encerado dixital aparecía un ranking. O equipo gañador foi o formado por Uxía Santos, Uxía Pérez e Ainara.

Trátase dunha ferramenta moi motivadora para os estudantes que incorpora o compoñente lúdico, pero ao mesmo tempo comproban o que saben (autoavaliación), afianzan contidos aprendidos na aula e traballan a competencia dixital.

E na seguinte galería de fotos podedes ver o resultado dos seus traballos, que ademais están expostos nos corredores da ESO, onda o laboratorio de Ciencias.

 

This slideshow requires JavaScript.