DÍA DAS ESCRITORAS

Estándar

O 17 de outubro é o Día das Escritoras, un día para lembrar e reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. No CPI As Revoltas quixemos sumarnos tamén a esta celebración.

Se vos achegades ata á biblioteca, poderedes atopar unha exposición de libros escritos por mulleres, de todos os tempos e para todas as idades. É tan só unha pequena mostra das moitísimas escritoras que habitan nos andeis da nosa biblio. Anímaste a descubrilas?

O alumnado de 3º de Educación Primaria achegouse con maior profundidade a dúas autoras galegas de antes da Guerra Civil: Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Se ti tamén queres coñecer os aspectos máis relevantes das súas traxectorias, podes botarlle un ollo aos interesantes traballos do alumnado:

As nenas e os nenos de 4º de Primaria tamén se sumaron á celebración deste día recuperando a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos ou loitas, mulleres valentes, cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Centráronse en catro autoras: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, María Canosa e Rosalía Fernández Rial. O traballo realizado foi exposto nun mural:

Ademais, tamén gravaron na radio o poema “Nordés Blues”, de Rosalía Fernández Rial, escritora, profe e compañeira do noso colexio. O alumnado de 4º EP quixo darlle deste xeito a súa particular homenaxe á nosa autora máis querida. Non perdas o seu fermoso recitado no seguinte vídeo:

Por último, o alumnado de 1º e 2º ESO elaborou unha pequena antoloxía de textos de escritoras galegas. Cada rapaz/a seleccionou unha autora e un fragmento da súa obra para incluír na escolma. Podedes ver o resultado no corredor do primeiro andar ou tamén no vídeo de abaixo. Non están todas as que son, pero prometemos 2ª parte!  

UNHA REVOLTA POR CABANA

Estándar

Está chegando o final de curso e ao mesmo tempo tamén está chegando o final das actividades que realizamos no centro. Hoxe damos por finalizada a recollida de fotos de “Unha Revolta por Cabana” e non podemos estar máis contentos. Case 100 fotos de diferentes lugares do noso concello!!!

Mil gracias a todos os participantes!!!

Na entrada do noso colexio temos un panel con todas as fotos organizadas por parroquias, pero ademais fomos facendo un álbum dixital que a continuación vos presentamos.

I ROMARÍA DAS LETRAS

Estándar

Chegou o gran día ao CPI As Revoltas. Despois de semanas de traballo no noso cole celebramos unha gran romaría onde desfrutamos de obradoiros de cestería, de olería, de baile tradicional, de instrumentos tradicionais, xogos tradicionais, churros, e música, moita música e moito baile.

A canción Son de Cabana xa soa no timbre do centro, todos e todas cantamos a nosa canción con moita alegría. Esta peza é unha adaptación de “O salón das cereixas” do gran Xabier Díaz cunha letra adaptada para a nosa romaría na que celebramos o Día das Letras Galegas e tamén o 50 Aniversario do noso colexio, e está interpretada por alumnado e profesorado do noso centro.

A continuación deixámosvos o videoclip creado coas imaxes deste día tan especial para todas e todos os que formamos parte do CPI As Revoltas.

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Estándar

Hoxe, 17 de maio, celébrase o Día das Letras Galegas. O homenaxeado deste ano é Florencio Delgado Gurriarán. Nesta entrada presentámosvos algúns dos traballos que estamos realizando no colexio, en concreto dous marabillosos programas de radio do alumnado de 3º e 4º de primaria.

Esperamos que os desfrutedes tanto coma nós.

Titoría de 4º de educación primaria:

Titoría de 3º de educación primaria:

UNHA REVOLTA POR CABANA

Estándar

Estimadas familias:

Sabedes que este curso o proxecto documental do noso centro é “A nosa contorna”, pois ao longo do curso xa se fixeron moitas actividades con Cabana como tema central.

Nesta ocasión dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos facer unha nova proposta. Gustaríanos dar a coñecer moitos recunchos do noso concello e para iso precisamos da vosa axuda.

Para participar, o alumnado debe sacar unha fotografía súa nunha zona especial e diferente de Cabana de Bergantiños, a poder ser na parroquia onde vive. A continuación debedes enviala ao seguinte email: unharevoltaporcabana@gmail.com. Xunto coa foto gustaríanos que nos escribirades en que lugar e parroquia sacáchedes a foto.

As fotografías enviadas serán expostas no colexio e tamén no blogue do EDLG. Tódolos nenos e tódalas nenas participantes recibirán un pequeno agasallo.

Pepiña xa nos mandou a súa foto, este é o exemplo de como tedes que facer:

Son Pepiña. Estou no “Castro a Cidá” (Parroquia de Borneiro)

Acto pola PAZ

Estándar

O día 18/03/2022 o CPI As Revoltas e a escola de Neaño fixemos un acto pola paz e de repulsa contra calquer tipo de guerra no mundo. Representantes de cada curso dende educación infantil ata secundaria portaron bandeiras de diferentes países que están a sufrir guerras ou outro tipo de conflitos e leron slogans e manifestos pola paz, os cales se traballaron previamente nas aulas. Rematamos cantando todas e todos ao unísono dúas fermosas cancións: Fronteiras de Guadi Galego e Heal the world de Michael Jackson.

Alumnado, profesorado, persoal de cociña, administración, conserxería, ANPA e representantes do concello participamos xuntas e xuntos neste emotivo acto.

O acto foi recollido pola prensa. Preme no seguinte enlace para acceder á noticia.

Acto pola paz no CPI As Revoltas

Día Mundial da Poesía

Estándar

Hoxe, 21 de marzo, é o Día Mundial da Poesía. No CPI As Revoltas conmemorámolo dunha maneira moi especial.

Profesorado e alumnado de infantil, primaria e secundaria escribiron diferentes poesías dedicadas a Cabana de Bergantiños, en consonancia co PDI do centro, “A Nosa Contorna”. Representantes de cada aula recitaron esas poesías na nosa Radio.

A continuación deixámosvos os enlaces aos podcast.

Parabéns para todo o profesorado e alumnado por este magnífico traballo!